A apertura dunha nova tenda de produtos autóctonos na Illa de Arousa, propiciou que durante as últimas Festas do Carme se popularizase un dos seus produtos estrela: a bandeira da Arousa. Incluso, durante a procesión da Virxe do Carme a bandeira da Arousa apareceu coma unha máis en moitas embarcacións, acompañando á galega e á española.

Aínda que a nosa bandeira leva ondeando durante anos ás portas do Consistorio Municipal, é agora, cando loce noutros contextos, cando moita xente a coñece e se da conta do diferente que é a bandeira real da que cada un tiña na mente.

Tanto a bandeira coma o escudo fixéronse oficiais nun pleno ordinario celebrado en xaneiro de 2008. Os dous foron deseñados pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia. No caso da bandeira veñen representadas 13 cunchas de vieira dispostas en filas de 4, 5 e 4 sobre un pano azul.

Pero,.. por qué precisamente 13? Iso responde simplemente a unha división territorial que tivo lugar no ano 1548 en 13 foros, no que cada un lle correspondía a un veciño, entendido veciño coma o cabeza de familia. Cada un destes foros estaba sometido a normas estritas, o cal seguramente arraigou o sentido da propiedade que chegou en nos até os nosos días.

Estas condicións incluían a construción dunha casa tellada dentro dos catro anos seguintes; plantar dentro do mesmo período 30 árbores froitais e outras. Estaba tamén a obriga de deixar libres os camiños e os montes para o gando. Unha das normas máis curiosas é a que nos conta que non se podía acoller nos foros a ninguén de fora da Arousa, e só se lles podía dar terreo para edificar e labrar ós presentes moradores do foro que sucederan ó cabeza de familia.

Tiñan tamén a prohibición de cazar coellos e perdices sen a autorización do abade. Estaban sometidos a diversos impostos que pagaban cunha parte da súa colleita de viño, cereais e outros. En cambio, estaban na obriga de dar aloxamento e atender en todo o que necesitase ó enviado do Mosteiro de Martiño Pinario, ó que pertencía a Arousa baixo aquelas circunstancias.

Toda esta información aparece recollida na “Historia de A Illa de Arousa”, de Xose Lois Vila Fariña e Xoán Dopico Orjales, onde se nos da tamén un dato de gran relevancia: a tradición oral da historia dos 13 veciños. É dicir, non existen documentos da época acerca dos 13 foros e os seus moradores. Todo o que coñecemos é grazas á transmisión oral que se veu realizando de pais a fillos durante séculos.

Agora, un pano azul con 13 cunchas é o encargado de lembrarnos esta historia, a nosa Historia, para que tamén nos a poidamos contar.