O mes máis prolífico, astronomicamente falando, non defrauda neste 2017. Xunto coas xas tradicionais perseidas ou bágoas de San Lorenzo, durante o mes de agosto van ter lugar outros fenómenos astronómicos, entre eles, o máis importante do ano. Estas son as súas datas e visibilidade:

O vindeiro 7 de agosto terá lugar un eclipse parcial de lúa. Desgraciadamente, non será moi visible dende Galicia, polo que só poderemos observar as primeiras fases do escurecemento da lúa.

A choiva de estrelas perseidas estarán no seu momento álxido durante os días 12 e 13 de agosto. Agárdanse a caída de 150 meteoros, que forman parte dos restos do cometa Swift-Tutle. A visibilidade que ofrecerá a lúa non será demasiado beneficiosa, polo que solo poderemos observar os meteoros máis intensos. Así pois, unha vez máis, a observación das bágoas de San Lorenzo van necesitar moita cafeína e paciencia.

Por último, o 21 de agosto chegará o fenómeno astronómico máis importante, non só do mes, senón tamén do ano. Trátase dun eclipse total de sol que será totalmente visible nos Estados Unidos. Polo contrario, na península non teremos tanta sorte. En Galicia, malia todo, poderemos ver o sol un 12% cuberto, polo que aínda será posible velo coma un eclipse parcial. Algo é algo, en lugares coma Barcelona ou Valencia non será posible ver nada.

En todo caso, desexámoslles moita sorte nas súas observacións e esperamos que a súa paciencia sexa premiada. E unha recomendación: máis aló de datas e fenómenos, nunca deixen de ollar ó ceo. Sempre ofrece innumerables e inesperadas sorpresas.