Nada máis chegar á Capital da Limia, Xinzo, e máis cando é a primeira vez, nos recibe unha fortificación de aspecto medieval que non pode pasar desapercibida ós nosos ollos. Estaremos entón ante a Torre da Pena, unha vixía silenciosa que semella observar á Lagoa de Antela dende tempos inmemoriais.

Tamén coñecida como Portelam de Sanctio Iohannis, Castelo de Portela da Pena o Castelo da Porteliña, a Torre da Pena ten unha orixe descoñecida que non pon de acordo ós investigadores.

Non era a única que coidaba do antigo mar interior de Ourense. Hoxe, consérvanse outras tres torres semellantes á da Pena, que son a Torre do Castro, Torre de Porqueira, e Castelo de Celme. E todas levan o nome das parroquias ás que pertencen as súas situacións.
Pero presúmese de que existiron moitas máis, e pertencerían ó gran número de fortalezas e castelos que se espallan por toda esta zona sur da provincia de Ourense.

Don José Pérez Rodríguez, alcalde de Xinzo de Limia entre os anos 1974 e 1979. Veterinario de profesión e gran estudoso da historia da comarca, sitúa, grazas ás súas pescudas, unha antiga torre, a que sería a Torre de Xinzo de Limia, no lugar onde hoxe se sitúa o Casino Antelano, que hoxe se atopa en desuso.Sen dúbida, non é doado imaxinar nos nosos días a existencia dunha torre similar á Torre da Pena alzada en pleno corazón urbano de Xinzo.

A Torre da Pena está situada nun outeiro que se atopa a case 750 de altitude onde, por certo, tamén se atopa un vértice xeodésico. É de planta cadrada e posúe unha porta, pero situada a gran altura, o que fai imposible a súa entrada.

As orixes da Torre da Pena son obxecto de discusión. Nunha primeira época, a torre formaría parte dunha fortaleza moito máis grande. Hai quen sitúa a súa antigüidade na época sueva, mentres que outros a retrasan ó século XII, durante as guerras entre Teresa de Portugal e Dona Urraca. De feito, durante a Idade Media a actual comarca da Limia, debido á súa situación fronteiriza, foi un lugar habitual de batallas entre os exércitos de Portugal e Castela. Pero o máis probable é que a torre sempre estivera alí, e que incluso fora construída a partir dun antigo castro.

En todo caso, existen referencias históricas que demostran que en 1386 foi conquistada polo Duque de Lancaster. Máis tarde pasaría a formar parte da casa Monterrei, á que pertence tamén o Castelo do mesmo nome e lugar, reconvertido hoxe en Parador Nacional e que se atopa non moi lonxe de alí. Os Condes de Monterrei e os Condes de Lemos entraron en conflito pola posesión da fortaleza. Non foi abandonada ata o século XVIII, cando xa unicamente quedaba en pé o que hoxe coñecemos como a Torre da Pena.

Nos nosos días, a Torre da Pena permanece impasible, vixiando e observando as continuas vicisitudes polas que pasa a Lagoa de Antela. Aínda que de aparencia ruda e sinxela, a Torre da Pena é parte dese patrimonio tan escaso en Galicia, aquel chegado da época medieval.