A fin de semana pasada tiña lugar a estrea de Blade Runner 2049, un acontecemento moi esperado para millóns de fans de todo o mundo da súa primeira parte, entre os cales nos atopamos. Unha tarefa nada fácil, a de adecentar unha segunda parte para semellante película de culto. Pero nos non somos críticos nin expertos en cine, polo que pouco temos que proporcionar nese senso.

Pero o filme trouxo consigo grandes e agradables sorpresas para nos. Alí se mostra un futuro no que están presentes moitas das disciplinas que desempeñamos. Por exemplo, a personaxe interpretada por Ryan Gosling leva sempre un dron no vehículo no que se despraza. Case, case coma nos, que sempre temos as baterías cargadas polo que poida pasar. O de Gosling é un dron sen hélices e que funciona por mandatos de voz, sen necesidade dunha emisora. Polo momento, aínda estamos lonxe diso e a casa DJI ten moito traballo por diante.

Noutra secuencia da película, a mesma personaxe leva a cabo unha investigación. Para ensinarlles os resultados e as súas sospeitas ós seus superiores, móstralles un modelo 3d do lugar en cuestión que ten unha semellanza moi grande cós modelos 3d de hoxe en día realizados con escáner láser.

O protagonista nunha secuencia da película.

Por outra parte, toda o filme se desenvolve nun contexto futurible marcado pola crise da agricultura. Esta chega a raíz da escaseza de abellas, tal e como alertamos dende este mesmo blog en outras ocasións como defensa dunha das nosas grandes apostas: a agricultura de precisión. No futuro mostrado en Blade Runner 2049, a crise da agricultura é solucionada coa creación da “agricultura sintética”. Grazas ás novas técnicas que compoñen a agricultura de precisión, esperamos que no futuro real nunca teñamos que recorrer a tales inventos, porque logramos que, simple e complicadamente, as abellas non se extingan e que ata incluso aumenten as súas poboacións.

Como se adoita dicir, a realidade sempre supera a ficción. Iso si, esta vez a ficción tróuxonos agradables sorpresas. Por certo, encantounos a película.