O pasado 15 de outubro Galicia vivía unha xornada de auténtico terror e desesperación provocada por unha enorme vaga de lumes que chegou a importantes e emblemáticos montes galegos. Algúns deles moi próximos a nos, coma Xiabre ou a Armenteira.

Como non podía ser doutro xeito, a polémica sobre a situación dos nosos montes, sempre presente, tomou unha sensibilidade moi alta despois daqueles días infernais, que remataron con catro persoas falecidas.

Eucaliptal situado nas inmediacións da Area da Secada (Illa de Arousa)

Unha das polémicas sempre presentes refírense ás enormes extensións que ocupa o eucalipto no noso monte. Trátanse dunhas cifras que rebordan todas as previsións da Xunta de Galicia de cara a un futuro. E é que o eucalipto é unha especie moi utilizada en distintas industrias, pero o beneficio económico pouco se reflicte na poboación. Iso si, o custo medioambiental, económico e, desgrazadamente, tamén o humano, o pagamos todos.

As diferenzas desta árbore coas eminentemente galegas son moi notables e a actualidade da que falaríamos sería moi diferente si foran as nosas árbores as que habitaran os nosos montes. E non hai que ir moi lonxe para comprobalo.

Souto que se atopa pouco máis arriba do eucaliptal.

Estas dúas imaxes se corresponden có mesmo lugar, a costa pasando a Praia da Area da Secada indo cara o Faro, na Illa de Arousa. Vemos en primeiro lugar un eucaliptal. Un conxunto de vexetación seca, enmarañada e desordenada. O eucalipto case non da sombra, o que contribúe a que se forme vexetación arbustiva moi seca, o que a converte en altamente inflamable. Cando se produce un incendio, todo o que hai ó redor do eucalipto é arrasado, nembargante, esta árbore resulta moi resistente ante o lume, polo que se rexenera facilmente. Ademais, tamén se reproduce con moita facilidade. Tanto é así, que no seu próximo paseo por un monte de eucaliptos, fíxense e reparen na alta cantidade de eucaliptos novos que sempre hai.

E xusto ó lado, temos un souto de nova xeración, froito dos traballos de reforestación levados a cabo anos atrás. Vemos un monte limpo, con sombra. E porqué non dicilo, moi fermoso tamén. O feito de que produza sombra e que deixe pasar moi pouca luz favorece que neste monte aparezan especies vexetais coma os fungos e cogomelos. Nin por dicir, o inzado de castañas que están nesta época os pés dos castiñeiros. E a xente acode a recoller os fungos e a recoller as castañas. É dicir, é un monte que interactúa coa xente e a súa simple presenza contribúe que este monte teña que estar limpo e libre de vexetación seca.

E, repetimos, están un ó lado do outro. Son o mesmo terreo e as mesmas condicións de solo e climatolóxicas. Pero as diferenzas non hai máis que velas. A riqueza dos nosos recursos é incontestable. O tíñamos, nacemos con eles. Pero para perdelo, só tivemos que pechar os ollos e mirar para outro lado. Chegou o momento de cambiar.