O duro e eterno inverno que aínda agora atravesamos sufridamente, trouxo consigo cuantiosas choivas en cantidades inusuais, aínda tratándose de Galicia. Esta metereoloxía fixo posible que a antiga Lagoa de Antela aflorara durante semanas durante os meses de febreiro e marzo, e que aínda agora se resista a desaparecer de todo. Non é este un fenómeno habitual nin, moito menos, se produce todos os anos.

A Lagoa toma así un aspecto que facilmente podería ser parecido ó que tería antes dos anos da década dos 50, cando, baixo da ditadura franquista, a Lagoa foi desecada para utilizar os terreos para a agricultura. Esta circunstancia histórica é o motivo polo que a comarca de A Limia sexa un dos principais produtores de pataca. É inevitable preguntarse cal sería o motor económico da zona se aquel impoñente mar plantado no medio da provincia de Ourense continuase hoxe alí coa súa propia evolución natural.

A Lagoa de Antela en 2018.

A Lagoa de Antela é un dos humedais máis extensos da Península Ibérica e comprende os municipios de Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía. O seu rexurdimento está a provocar enormes problemas para as labores de labranza, xa que ás portas da época da semente, as terras atópanse, xa non anegadas, senón totalmente inundadas.

Pero, xa que se ergueu das profundidades e está aquí, por qué non preguntarse se volveron tamén con ela os seus antigos habitantes. Seguirá alí, no seu ventre, a antiga cidade de Antioquía, como asegura a lenda? Os mosquitos e demais insectos que danzan sobre as augas de Antela, seguirán sendo o Rei Arturo e os seus soldados, tal e como era antes dos anos 50, antes do seu desecamento?

E si a Lagoa de Antela vivira o seu curso natural ó longo destes anos, tería tamén o seus propio monstro, tal e como sucede en todos os mares en terra? Por desgraza, xa é demasiado tarde para responder todas estas preguntas. Ou… pode que non?