Una vez, fai moitos anos, estaba coa miña nai na casa, cando escoitamos que as campás da igrexa soaban “ó morto”. Miña nai saíu da casa para ver se vía a algunha veciña para preguntarlle quen morrera. E cando volveu, o fixo con certa tristura na cara. Dixo o nome da falecida, pero eu non a coñecía. E entón dixo: “case non quedan velliñas”.

Agora penso moito naquel momento, porque sen darme conta, un cacho da nosa Historia ía desaparecendo. De feito, qué rápido pasou aquela infancia na que vía pasar ás velliñas polo Campo có seu paso apurado. Elas mesmas, as velliñas, eran coma personaxes rescatadas do pasado.

Imaxe: O Faiado da Memoria.

Sempre de negro rigoroso, coas súas longas, negras e avultadas saias, o chal de la negro polos ombros e engurras de experiencia e sabedoría na rostro. Tiñan un pelo prateado inesperadamente longo, que recollían nun diminuto moño baixo.

As velliñas eran mulleres fortes e de moito carácter en xeral, que despois xa sabemos que había de haber de todo, como en todas partes. Eran nais de familia, tamén normalmente, de moitos fillos, ós que coidaban e criaban con rectitude sen descoidar xamais os traballos da casa e da horta. Eran coidadoras tamén de netos, de pais, de sogros, de tíos,… e de todo aquel da familia que o necesitara e que se atopara só no mundo.

E tamén eran traballadoras, moi traballadoras. Incapaces de descansar e ignorando calquera problema de saúde. Nunca choraban, nunca se queixaban. Iso si, berraban e esixían ós demais sen aceptar escusas, porque elas mesmas nunca utilizaban nada diso. Tiñan na súa cabeza toda unha recompilación da sabedoría popular, e os refráns e ditos dos que botaban man eran lembrados para sempre polos nenos que coidaban agarrados ás súas saias.

As velliñas, algunha vez, foron mulleres alegres e fermosas. Ata que un día, a desgraza irrompía nas súas vidas. A maioría das veces, tratábase da morte do marido. Nalgunhas ocasións, sendo aínda moi novas. Por iso as velliñas, en ocasións, non tiñan tanta idade como aparentaban pola súa indumentaria. Chegado ese momento, desfacíanse das súas roupas para facerse con roupas negras e agocharse baixo un pano negro que poñían á cabeza. E a súa vida cambiaba para sempre por vontade propia.

Por sorte, a chegada da vellez e dos paus que nos da a vida, son recibidos doutra maneira polas mulleres hoxe en día. Xa non nos escravizamos na cor negra e aceptamos de boa gana as novas oportunidades que nos ofrece a vida. Iso non impide que todas sexamos herdeiras daquelas velliñas, porque o seu traballo era útil e imprescindible, e porque alguén o ten que facer.